A proposta creativa da obra que presenta José Caruncho incide na idea do Courel como cosmos vital; os sentimentos e os valores son radicalmente locais e, por iso mesmo, universais. Unha selección fotográfica mostra o universo labrego do Courel.
A proposta creativa da obra que presenta José Caruncho incide na idea do Courel como cosmos vital; os sentimentos e os valores son radicalmente locais e, por iso mesmo, universais. Unha selección fotográfica mostra o universo labrego do Courel.
De vocación temperá, Berta Cáccamo (Vigo, 1963) creceu nun universo ligado á creación. Considerada como unha das pintoras españolas máis importantes da súa xeración, foi quen de destilar influencias afastadas no tempo, sempre disposta ao debate coa súa obra, cos problemas da arte e coas súas imaxes. Esixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha mirada inquieta, emocional e afectiva. Por iso é polo que o título da exposición fala de expansión, porque a súa obra é asemade un proxecto vital, e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscribe na memoria como material fundamental.
Catálogo da mostra antolóxica sobre o pintor lalinense Alfonso Sucasas (Goiás, Lalín, 1940 - Ferreirós, Vila de Cruces, 2012), celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña do 1 de decembro de 2017 ao 1 de abril de 2018. No estudo, a través dun centenar de obras, entre óleos e debuxos, realízase un percorrido exhaustivo pola obra realizada entre o ano 1957, data á cal pertence o seu primeiro autorretrato, e o ano 2010.
A monografía inclúe un texto do comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid, "Alfonso Sucasas, unha revisión", seguido do catálogo das obras. Complétase cunha recompilación de frases e pensamentos do artista e co texto "Oficio de pintor" de Ramiro Forte.
Muntadas (Barcelona, 1942), figura de referencia da arte internacional, constrúe un discurso multidisciplinar centrado na reflexión e a crítica na intersección da arte, as ciencias sociais e os sistemas de comunicación. As paisaxes de "Estratexias do desprazamento" configúranse como metáforas de sensacións psicolóxicas, accións de vida e destino. Todos os traballos relaciónanse co estar e non estar, con lugares específicos, en contextos diversos, a partir dunha experiencia.
Hai artistas que chegan a un tema por investigación; outros fano por tendencia. Álvaro Negro (Lalín, Pontevedra, 1973) pertence claramente aos primeiros. Unha mirada atenta descubriranos unha traxectoria de ritmo lento e aberta a múltiples lecturas sobre as conexión entre os seus diferentes ciclos. Esta exposición preparada para o CGAC supón unha primeira mirada retrospectiva que incide nunha cuestión fundamental: o paulatino descubrimento dunha iconografía propia e recoñecible, que nace xa nas súas primeiras series e que na última década se consolida e se extrema nunha mesma atmosfera.
Bañistas/Bathers é un proxecto de Xosé M. Buxán Bran que se enmarca nunha vía de traballo amplamente desenvolvida internacionalmente, na cal o material fotográfico democrático anónimo, abandonado, pobre e vulgar pasa a se converter, por mor do gusto, o coñecemento e o sentido estético dos creadores e coleccionistas, nun artefacto cultural, nunha produción artística, nun proxecto expositivo e editorial.
Este libro é un relato visual constituído por un conxunto de fotografías anónimas de mozos seminús, cubertos apenas cun traxe de baño, retratados en contacto coa natureza. Mozos que aparecen no exterior: á beira das praias, das piscinas ou no campo, en lagoas ou ríos, e que recrean a tradicional iconografía dos bañistas que tivo gran predicamento ao longo de toda a historia da arte.
Catálogo da exposición Chema Madoz, que proporciona a oportunidade de redescubrir a obra dun potente creador de imaxes, nacidas dunha percepción privilexiada da contorna cotiá. Amosa unha fascinante colección de ideas fotografadas en branco e negro.
Catálogo que reúne un nutrido e variado conxunto de efígies dos nosos pintores do século XIX, sorprendente polo seu atractivo e variedade, e extraordinariamente interesante para descubrir os rostros daqueles que foron protagonistas das artes plásticas durante o século XIX, tan próximo e, con todo, aínda tan descoñecido.
Catálogo da exposición realizada no Museo de Belas Artes da Coruña, integrada por fondos da extraordinaria colección da entidade bancaria.
Reportaxe fotográfica dos rituais que se desenvolven en Plaine du Nord (Haití) en honor do Apóstolo Santiago, cunha peregrinación que ten como escenario a charca embulleirada na que reside o espírito de Santiago, e na que se fan uns rituais no seu honor nos que se utilizan fórmulas procedente do vudú.
Esta publicación, titulada "Paseantes, viaxeiros e paisaxes", recolle os traballos de especialistas que participaron nas xornadas e no seminario do mesmo nome celebradas no CGAC no marco dunha nova liña de traballo e debate sobre as estéticas da paisaxe contemporánea. Nesta publicación, cóntase coa colaboración extraordinaria do artista británico Richard Long, referencia internacional da arte conceptual e a land-art.
Catálogo da exposición do mesmo título organizada polo CGAC.Canda os ensaios da comisaria, Alicia Murría, e o director do CGAC, Santiago Olmo, este volume reúne unha serie de achegas textuais realizadas entre os anos oitenta e o 2016; nelas están condensados os temas fundamentais que atravesan a obra desta autora.