Guía ilustrada da exposición temporal con texto e imaxes das fotografías e pezas da colección expostas e texto explicativo.
Guía ilustrada da exposición temporal con texto e imaxes das fotografías e pezas da colección expostas e texto explicativo.
Bleda y Rosa. Xeografía do tempo reúne vinte e cinco anos do traballo fotográfico de María Bleda (Castellón, 1969) e José María Rosa (Albacete, 1970) articulándoo arredor da serie Campos de batalla: un proxecto iniciado en 1994 e finalizado recentemente que se mostra ao completo por primeira vez. A mostra ábrese con Campos de fútbol (1992-1995), o primeiro proxecto que obtivo recoñecemento público, unha serie que, establecendo unha dialéctica entre lugar, tempo e memoria, anuncia os eixes conceptuais arredor dos cales posteriormente xirará o seu traballo. A exposición complétase con obras pertencentes ás series Origen (2003-) e Prontuario. Notas en torno a la guerra y la revolución (2011-).
Con motivo do seu 25º aniversario, o Centro Galego de Arte Contemporánea edita un volume con textos do seu director, Santiago B. Olmo, e de Iago Seara, unha testemuña privilexiada da historia do museo desde o momento da súa construción. Todo iso acompañado dunha coidada selección de imaxes do edificio deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira para albergar un museo hoxe convertido en referente internacional para o estudo e a reflexión arredor da arte contemporánea.
Nicolás Combarro (A Coruña, 1979) pertence a unha nova tipoloxía de fotógrafo en cuxa obra, centrada na arquitectura e na idea de construción, retroalimentándose, a práctica da documentación e a intervención, entendida esta última como acción no espazo e na paisaxe. A súa exposición no CGAC reúne algunhas das súas series máis recentes, Arquitectura oculta, Bangkok e Arquitectura espontánea, esta última resultado dun uso calibrado do propio arquivo e de observacións sistemáticas sobre edificacións sen autor ou populares. Ademais, a exposición inclúe unha reinterpretación do espazo concibido polo arquitecto portugués Alvaro Siza Vieira mediante fotografías de proxeccións que se integran na súa serie Desvelar_desplazar.
Lugar: continxencias de uso constitúe un achegamento á significación existencial do espazo arquitectónico. O proxecto mostra obras de Patricia Esquivias, Luciana Lamothe e Sofía Táboas producidas para distintos espazos do edificio de Álvaro Siza. Os traballos destas tres artistas falan do tectónico, da morfoloxía dos materiais aos elementos constructivos; da dimensión histórica e simbólica á perceptiva e cognitiva, que é, en último termo, o fin que xustifica a construción espacial, polo tanto, a arquitectura.
O traballo de Julião Sarmento formalízase desde o fronteirizo. Moitas das súas obras conteñen imaxes de imaxes e están relacionadas entre si, aínda que funcionen de maneira independente, abrazando a ambigüidade do seu significado. Trátase de microrrelatos que asumen a múltiple potencialidade do cine, entre o expreso e o secreto, entre o persoal e o estraño. Tamén comparten con este unha clase de duración suspendida. Toda a obra de Julião Sarmento proxecta esa sensación cinematográfica, porque no que vemos sempre intuímos algo que se mantén ausente, fóra de escena. Este libro, con textos de David Barro, Margarita Ledo e Santiago Olmo, ofrece unha visión panorámica da súa obra e incide na relación da súa práctica artística co cinematográfico.
[EX]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995, configúrase como un catálogo de tres mostras simultáneas e complementarias, que catografan as que foron as liñas emerxentes máis significativas da crítica de arte mediante a revisión e relectura dunha serie de diversas exposicións de arte producidas nese período; amosa obras dos artistas españois presentes nelas, así como abundante material documental para contextualizar os diferentes e sucesivos episodios. Ademais dos textos do director do proxecto, Santiago Olmo, e dos comisarios das exposicións, Armando Montesinos e Mariano Navarro, o libro reproduce en formato facsímile unha selección de textos clave para mellor comprender a evolución da escena artística en España desde a transición ata a actualidade.
A viaxe. Novas peregrinacións é o título dunha exposición coproducida polo Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións en que se presentan os proxectos de Gabriel Díaz, Ignacio Pérez-Jofre e Sophie Whettnall, nos cales os artistas abordan os conceptos de ruta e encrucillada desde puntos de vista diversos. A través das súas obras o espectador decátase de que no camiño nos facemos conscientes das nosas limitacións e do lugar que ocupamos no mundo. Como viaxamos, o que vemos no decurso da viaxe, falan de como somos e de cómo vemos o mundo á nosa volta.
Volume publicado con motivo da exposición de Stefan Brüggeman (Cidade de México, 1975) realizada no CGAG e construída a partir de intervencións espaciais que cuestionan a orde dos conceptos, a lóxica das normas e, particularmente, as convencións do sistema. Brüggeman abriu unha maneira diferente de abordar os aspectos sociolóxicos e culturais da linguaxe. O seu traballo incide nesas contradicións lingüísticas que conforman os paradoxos da vida e a convivencia, e pon en cuestión a rixidez do políticamente correcto, precisamente por falso.
"Cadernos Ramón Piñeiro (XXXVIII). María Victoria Moreno. Homenaxe. Palabra fértil no tempo" é un volume colectivo coordinado pola profesora Blanca-Ana Roig Rechou no cal se reúnen dúas ducias de artigos arredor da vida e obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada no 2018 co Día das Letras Galegas. A profesora, a ensaísta, a novelista, a poeta e, sobre todo, a autora infantoxuvenil son outras tantas facetas analizadas en profundidade por algúns dos mellores especialistas nesta clásica das nosas letras modernas.
Catálogo da exposición Camiñantes. Fotografías de Tino Martínez. Trátase dun traballo realizado polo fotógrafo compostelán con imaxes recollidas por mor dos seus percorridos polos distintos Camiños de Santiago, plasmando as distintas realidades que foi atopando e que suscitaron a súa curiosidade, e doutra banda, unha selección de posados de distintos peregrinos chegados a Santiago acompañadas ademais da reflexión manuscrita de cada un dos personaxes retratados. Ten un carácter documental e emotivo sobre aspectos cotiáns da peregrinación xacobea. A exposición estará visitable entre o día 22 de xuño e o 31 de outubro do presente ano na sala de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Número nove da revista científica multilingüe Ad Limina, de carácter interdisciplinar e internacional, de investigación sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións.