Manual de conversa en galego, para que as persoas falantes de éuscaro e catalán que visitan Galicia se acheguen dun xeito doado á nosa lingua.
Manual de conversa en galego, para que as persoas falantes de éuscaro e catalán que visitan Galicia se acheguen dun xeito doado á nosa lingua.
Obra coeditada pola AGADIC e Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Biblioteca Dramática Galega, galardoada co VI premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, edición 2011. En O refugallo, a autora, Paula Carballeira, fálanos da capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, como o mesmo teatro, que lles dá vida a obxectos e personaxes que ata o momento da representación non existían para o público.
Un ano máis, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, réndelle homenaxe ao persoeiro elixido pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas, do ano 2015 neste caso. Homenaxe concretada nun libro, coordinado por Luís Cochón, que integra un heteroxéneo conxunto de breves estudos, pertencentes a aqueles terreos do saber que Filgueira Valverde, un humanista erudito, cultivou.
Son arredor de trinta estes estudos, rigorosos e anotados, escritos por especialistas, que discorren polos vieiros da historia, a literatura, a biografía, o pensamento e outros asuntos relacionados sempre con Galicia.
Volume epistolar, na liña de anteriores achegas a un xénero no que Ramón Piñeiro deixou varios milleiros de mostras, maxistrais algunhas delas. Trátase, neste caso, da revelación da amizade persoal e das relacións profesionais de dous rigorosos intelectuais galegos, personalidades significativas no terreo das humanidades. Introdución, notas aos textos, índices e repertorios bibliográficos son parte desta edición respectuosa cos textos orixinais e ilustrada.
Co título de Cáliz fervendo!, o Centro Ramón Piñeiro presenta unha colectánea de vinte e catro traballos arredor da vida e da obra (co poemario Nimbos, Galaxia, 1961) de Xosé María Díaz Castro, o poeta de Guitiriz do que en 2014 celebramos o centenario do seu nacemento e dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Métrica, retórica, estrutura ou temática dos poemas son obxecto de análise por especialistas, coñecedores a fondo de Díaz-Castro. Arcadio López-Casanova, Torres Queiruga, Darío X. Cabana, Olga Novo, Claudio R. Fer e outros prestixian este libro de homenaxe ao intelectual chairego.
Catálogo de arte no que se inclúe un texto que analiza a obra do autor, asi como unha selección de fotografías da súa obra.
Recompilación epistolar con varias ducias de textos enviados por amigos representativos do galeguismo intelectual e literario. A edición é rigorosamente respectuosa cos textos orixinais.Estas cartas permítennos coñecer máis datos da vida e da obra cunqueirá.
Volume que ofrece as claves para gozarmos e interpretarmos o románico dun dos lugares fundamentais do románico galego, na Ribeira Sacra.
Exposición que mostra unha colección de imaxes recuperadas sobre os cines galegos, algún deles en perigo de desaparecer. O traballo, do fotógrafo Manuel Sendón, é tamén un testemuño da súa liña creativa.
Publicación na que se dá a coñecer unha colección privada inédita de fotografías realizadas entre 1890 e 1950, e que pertenceron a Arthur Ginnings, misioneiro protestante británico, que viviu durante 40 anos na localidade de Ares, tentando difundir na zona a idea evanxélica. Esta colección constitúe un importante arquivo documental para o coñecemento da implantación e posterior evolución das comunidades evanxélicas en Galicia e, asemade, constitúe un referente de interese desde o punto de vista etnográfico, xa que contén interesantes imaxes inéditas de monumentos, espazos naturais e persoas, tanto de Galicia coma de España, tomadas por fotógrafos afeccionados e anónimos.
A orde das primeiras cousas é o catálogo da exposición do mesmo título organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea no inverno de 2015.
Desde os seus inicios, a obra de Carlos León (Ceuta, 1947) evidenciouse coma unha das propostas fundamentais para comprender o proceso de ruptura que, operando desde o corazón mesmo da pintura, derivou as prácticas pictóricas cara a unha creba consciente do réxime de visibilidade e abriunas ao espazo baleiro dunha expresividade que extraviou o suxeito dos seus requirimentos, unha expresividade que traza -no plano desolado en que deveu o cadro- os rastros desa gozosa procura. Ademais dos textos de Fernando Castro Flórez e do propio artista, o catálogo inclúe unha introdución asinada polos comisarios da mostra, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e unha entrevista con Carlos León.
Publicación que recompila o traballo realizado polo artista Joan Morey no contexto de Proxecto-Edición. A triloxía de perfomances realizadas no CGAC baixo o título "OBEY, Humillados & Ofendidos" explora temas relacionados coa práctica artística e o papel da persoa creadora, para pescudar verbo das sombras do pesimismo e do tremendo; do que reduce o ser humano á involución de estar sumido nunha impotencia aprendida.Invisibilidade e interrogación combínanse para ofrecer un proxecto fecundo en equívocos, no que aparece un artista máis digresivo ca discursivo, en consonancia coa poética da desolación que caracteriza os seus últimos traballos. A partir de intrincadas estruturas narrativas sobre a degradación, a perda e o baleiro, saltos no tempo e no espazo e reiterada desorde temporal, o que quedará é o núcleo inescrutable que transmite a súa obra: o fracaso.