Este libro dá continuidade ao proxecto iniciado anos atrás de describir a fauna de Galicia tratando de maneira independente cada un dos filos animais presentes nas augas de Galicia. Neste caso, o libro está dedicado aos anélidos, un grupo extenso, ubicuo e de gran relevancia ecolóxica nas nosas augas. O libro trata de ofrecer unha ferramenta visual para a identificación destes animais sumamente interesantes pero que, en xeral, son moi descoñecidos. Mediante fotografías realizadas no seu hábitat natural, as especies coñecidas en Galicia son caracterizadas e descritas de maneira detallada, o que permite que o libro poida ser de utilidade para toda a persoa interesada, tanto profesional como afeccionada, desde biólogos, educadores científicos, mergulladores curiosos, pescadores e ata calquera a quen, de maneira ocasional, lle guste achegarse a observar as zonas intermareais.