Viaxa no tempo a través dos arquivos históricos de fotos da nosa Libraría!
Bañistas/Bathers é un proxecto de Xosé M. Buxán Bran que se enmarca nunha vía de traballo amplamente desenvolvida internacionalmente, na cal o material fotográfico democrático anónimo, abandonado, pobre e vulgar pasa a se converter, por mor do gusto, o coñecemento e o sentido estético dos creadores e coleccionistas, nun artefacto cultural, nunha produción artística, nun proxecto expositivo e editorial.
Este libro é un relato visual constituído por un conxunto de fotografías anónimas de mozos seminús, cubertos apenas cun traxe de baño, retratados en contacto coa natureza. Mozos que aparecen no exterior: á beira das praias, das piscinas ou no campo, en lagoas ou ríos, e que recrean a tradicional iconografía dos bañistas que tivo gran predicamento ao longo de toda a historia da arte.
Catálogo coa totalidade das imaxes do fondo de negativos realizados por García Garrabella nas súas viaxes pola provincia da Coruña [A Coruña, Oleiros, Santiago de Compostela e Ferrol] e a provincia de Lugo [Lugo, Barreiros, Foz...]
Raniero Fernández (Vigo, 1909-1999) realiza, durante as décadas cincuenta e sesenta do século pasado, unha interesante obra fotográfica que, co paso do tempo, adquiriu gran relevancia. A súa actividade como fotógrafo está estreitamente vinculada coa que desenvolveu como presidente da Agrupación Fotográfica Gallega durante o período en que esta estivo máis activa. Lonxe da estética do pictorialismo tardío que caracteriza a fotografía afeccionada dese momento, moitas das súas imaxes lémbrannos o traballo de figuras como Cartier-Bresson e a Doisneau; dun xeito moi particular, a extensa serie que realizou no porto de Vigo. Por outra banda, cabe resaltar os proxectos consistentes en fotografar de xeito sistemático os hórreos e os cruceiros a través da xeografía galega. Todo isto explica a pertinencia de revisar a obra de Raniero desde unha óptica actual pero contextualizándoa na súa época, para o que se incluirán na exposición obras doutros fotógrafos como Ferrol, Losada, Rueda, Schmidt de las Heras, Terré, Veiga Roel e Zamora.
Catálogo da exposición que, sobre o fondo fotográfico de Mary Quintero, se atopa no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Amosa a obra da fotógrafa entre os anos 50 e 90, e finaliza cunha mostra do traballo realizado polo arquivo.
Catálogo con fotografías que compoñen o Gabinete Fotográfico de Constantino Rodríguez Gutiérrez, un fondo que custodia o AHP de Lugo desde 2002. Constantino Rodríguez Gutiérrez (1875-1947) formouse na Sociedad Electro-Fotográfica de Xixón e estableceuse en Lugo nos anos finais do S. XIX; traballou ata o seu pasamento. O fondo do gabinete chega ao arquivo tras o depósito de 357 placas fotográficas, maioritariamente en vidro, poucas en acetato, realizado polo seu neto Constantino Romero Ramos. Con posterioridade, o tío deste, Ángel Rodríguez López, engade ao depósito 50 placas máis, principalmente retratos dunha gran calidade artística que achega ao conxunto un alto valor testemuñal e o confire como un instrumento de traballo para o estudo e a investigación da fotografía en Lugo e Galicia.
O catálogo reproduce a totalidade das imaxes do fondo, servirá ademais de elemento de difusión deste, de instrumento de descrición para uso no centro ou a distancia.
Catálogo coa selección de 900 negativos entre os 50.000 visionados do Fondo Vega custodiado polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Este catálogo corresponde ao período de 1970 a 1979, é o cuarto tomo en que se reflicten as exposicións realizadas por este arquivo sobre o traballo como fotoxornalista de José Luis Vega no diario El Progreso de Lugo. No presente catálogo amósanse as fotos que formaron parte de dúas exposicións realizadas entre 2023 e 2024.