Catálogo da exposición temporal co mesmo título.
Catálogo da exposición temporal co mesmo título.
La batalla de los géneros pretende afondar nos discursos, debates e, sobre todo, nas representacións xurdidas da práctica artística que teñen como marco temporal a década dos setenta do século vinte. Este conxunto de experiencias, lideradas sobre todo por mulleres artistas, supuxeron unha tentativa de denunciar a opresión machista e de pór en cuestión, e mesmo invalidar, os alicerces da sociedade patriarcal. A través dos textos de Manuel Olveira, director do CGAC; Juan Vicente Aliaga, comisario do proxecto, e das achegas das teóricas do feminismo Amelia Jones, Elisabeth Levobici, Griselda Pollock e María Laura Rosa, esta publicación analiza os froitos da relación entre o activismo político e a creación artística en marcos xeográficos tan diversos como Latinoamérica, Estados Unidos, Francia ou o Estado español.
Con textos de Natalia Poncela, comisaria da exposición, Santiago Olmo e Isabel Carlos, Nalgures é o catálogo da mostra individual da artista autraliana Narelle Jubelin (Sydney, 1960), que tivo lugar no CGAC en 2022.
Nalgures detense nas memorias dos lugares e nos distintos modos en que estes son ocupados, recorre a referentes culturais concretos dentro do contexto galego e vincúlaos con outras cartografías e referencias da biografía e traxectoria artística de Jubelin.
A través de pezas procedentes de diferentes series da artista, o libro propón un repertorio de discursos posibles que, ao xeito de agrupamentos de obras ou quendas, nos permiten tecer unha rede de intereses e afectos, por veces íntimos e, outras veces, non tanto.
Ao longo de medio milenio as casas reais católicas europeas doaron recursos materiais e financeiros, así como suntuosas pezas de arte sacra á Basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén; tendo como eixo central estas doazóns, o catálogo da mostra Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa amosa o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico custodiado polo Museo de Terra Santa de Xerusalén, composto das doazóns das casas reais católicas europeas ao longo de 500 anos
O menor: Procesos a-significantes na arte contemporánea foi a obra premiada na cuarta edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea. O texto, a partir dunha serie de exemplos tomados das artes visuais, a música, a literatura ou a filosofía, explora o valor do menor, da intervención mínima e mesmo da non-intervención na arte contemporánea.
Catálogo coa selección de 900 negativos entre os 50.000 visionados do Fondo Vega custodiado polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Este catálogo corresponde ao período de 1970 a 1979, é o cuarto tomo en que se reflicten as exposicións realizadas por este arquivo sobre o traballo como fotoxornalista de José Luis Vega no diario El Progreso de Lugo. No presente catálogo amósanse as fotos que formaron parte de dúas exposicións realizadas entre 2023 e 2024.
A obra de René Heyvaert (Gante, 1929-Scheldewindeke, Bélxica, 1984) é sobria, sinxela e á vez extraordinariamente complexa, ligada tanto ás vangardas históricas como ás súas propias circunstancias vitais. Reflicte a mirada dun artista experimental que tentou buscar, ao clima que deixaba a posguerra mundial, unha saída humana en que a arte e a vida se reconcilian propiciando una certa idea visionaria dunha utopía humilde. Falecido prematuramente á idade de 55 anos, exerceu unha intensa influencia en sucesivas xeracións de artistas do seu país, Bélxica, e é, por outra banda, un artista actualmente en fase de descubrimento e reconsideración. Nesta publicación propoñemos a reconsideración e relectura global da súa obra desde os seus inicios no eido da arquitectura, até o desenvolvemento dun conxunto de obra singular que, desde unha posición profundamente marcada polo illamento derivado dos seus problemas de saúde, demostra un profundo coñecemento sobre as preocupacións e procuras da arte do seu tempo, tanto no seu país de orixe como fóra das súas fronteiras.
Ourense no tempo é unha celebración do fenómeno urbano en Galicia e a súa contribución á configuración da identidade local e galega, centrada na cidade de Ourense. O enfoque expositivo parte da memoria do visitante para deconstruír o espazo urbano e comprender as claves do seu cambio, relacionando as transformacións da cidade coas lembranzas locais. A mostra entende a cidade como un sistema cultural que constrúe parte da identidade dos seus habitantes e explorará esa rede de símbolos, palabras e relatos compartidos que son tamén herdeiros do tempo.
As actas do XII Congreso internacional de estudos xacobeos son o resultado de darlle continuidade ao longo proceso que o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago iniciou no ano 1992, abrindo novas fronteiras á investigación. Nesta ocasión, un grupo de profesionais reuniuse na cidade de Santiago de Compostela, do 22 ao 26 de marzo de 2022, co propósito de analizar a peregrinación xacobea das derradeiras décadas; unhas xornadas divididas en tres epígrafes: o saber da investigación, o andar das redes de itinerarios e hospitais, e o crer da espiritualidade e das devocións do Camiño. O congreso pon de manifesto, unha vez máis, a relevancia dos relatores e a calidade e variedade das intervencións, con recoñecidos investigadores de España, Alemaña, Canadá, Italia, Francia, Polonia, Xapón, Grecia e os Estados Unidos.
Catálogo da exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media que presenta os principais códices das dioceses galegas, entre eles o Códice Calixtino.
O Proxecto Lugares nace coa intención de transformar, dun xeito sostible, o espazo público no Camiño de Santiago, un dos itinerarios máis transitados e relevantes do mundo. A través dunha mirada multidisciplinaria, propón, da man da comunidade local, imaxinar e deseñar intervencións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade.
A batalla dos xéneros pretende afondar nos discursos, debates e, sobre todo, nas representacións xurdidas da práctica artística que teñen como marco temporal a década dos setenta do século vinte. Este conxunto de experiencias, lideradas sobre todo por mulleres artistas, supuxeron unha tentativa de denunciar a opresión machista e de pór en cuestión, e mesmo invalidar, os alicerces da sociedade patriarcal. A través dos textos de Manuel Olveira, director do CGAC; Juan Vicente Aliaga, comisario do proxecto, e das achegas das teóricas do feminismo Amelia Jones, Elisabeth Levobici, Griselda Pollock e María Laura Rosa, esta publicación analiza os froitos da relación entre o activismo político e a creación artística en marcos xeográficos tan diversos como Latinoamérica, Estados Unidos, Francia ou o Estado español.