Selección de obras fotográficas realizadas por Luis Gabú resultado das súas investigacións e viaxes por Etiopía, nas que o autor reflicte a existencia dun núcleo cristián que se mantivo á marxe das relixións musulmá e xudía.
Selección de obras fotográficas realizadas por Luis Gabú resultado das súas investigacións e viaxes por Etiopía, nas que o autor reflicte a existencia dun núcleo cristián que se mantivo á marxe das relixións musulmá e xudía.
A fotografía de Jeff Wall está consciente e fondamente enraizada no social: na comunidade artística de Vancouver, onde xurdiu o seu traballo a comezos dos anos setenta, nas políticas raciais e de xénero do noso tempo, que analiza con excelente claridade nas súas caixas de luz de gran formato equiparables coa pintura pola súa escala e pola súa magnificencia. Neste volume, editado polo profesor Hans de Wolf e con contribucións de artistas e estudosos da súa obra, como David Claerbout, Roy Arden, Michael R. Taylor ou Peter Osborne, atopamos unha colaxe das referencias culturais que influíron na obra do artista canadense canda unha selección de aproximadamente 25 das súas obras máis salientables, realizadas entre os anos setenta e a actualidade.
Catálogo relativo á exposición que tivo lugar, en 2012, na Casa da Parra arredor da obra de Vítor Mejuto. Marcada pola inclinación cara a propostas xeométricas que se basean no exercicio dunha caligrafía persoal que ten como referencia o método, o cálculo e a intuición.
Catálogo que recolle as obras presentes na exposición "As que comen silencios, as que toman a palabra", que versa sobre a arte e violencia de xénero. Selección de 14 artistas e textos explicativos que acompañan as ilustracións das obras.
Número catro da revista científica Ad limina, de carácter interdisciplinar e internacional, multilingüe, de investigación sobre o camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións.
Libro catálogo que recolle unha serie de artigos sobre a figura de san Francisco de Asís e a tradición da súa peregrinación a Santiago de Compostela hai 800 anos. Ademais presenta o catálogo de obra da exposición do mesmo nome que se inaugurou en agosto de 2013 en Asís (pintura, ourivería, escultura, etc.).
Libro catálogo que recolle as pezas da exposición San Francisco e O Belén, máis dous artigos de Juan Monterroso e David Chao sobre a historia e evolución dos Beléns desde san Francisco ata hoxe.
Libro-catálogo que complementa a exposición "Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez". Este libro trata de ser o texto definitivo sobre a arte do románico en Compostela e Europa nos tempos de Diego Xelmírez. As calidades científicas dos contidos están avaladas polas personalidades invitadas a colaborar na publicación. Trátase de autores de referencia ineludible na historiografía sobre este tema, que cos seus escritos levan os obxectivos do catálogo máis alá do campo divulgativo.
Catálogo da exposición On the road, que se inaugurou o 27 de xuño de 2014, que recolle a obra dos artistas contemporáneos que participaron nela a través de varias instalacións e obras que se amosaron en varias localizacións de Compostela. Esta mostra enmarcouse dentro dos actos de conmemoración do VIII centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
Publicación que recompila as Actas do Congreso O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño Portugués, celebrado en Pontevedra os días 22, 23, 24 e 28 de marzo de 2007, no que participaron persoas expertas nesta ruta, profesorado universitario, responsables de asociacións de amigos do Camiño e representantes públicos e privados relacionados con esta vía en Portugal.
Publicación que recompila as Actas do Congreso O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Sueste-Vía da Prata, celebrado en Ourense os días 24, 25, 26 e 29 de abril de 2008, no que participaron amigos do Camiño, representantes das Administracións públicas con vinculación especial coa Vía da Prata, persoas expertas nos dous itinerarios, profesorado universitario, etc.
Ambicioso proxecto, que naceu en 2003 da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Nel compílase toda a información dispoñible sobre a devandita catedral en época románica, froito dun importante labor de investigación. Ademais de recoller as conclusións de anteriores estudos, propóñense novas teorías sobre algúns temas que estaban un tanto esquecidos, como a reconstrución da primitiva porta norte.