Catálogo que recolle as obras que entre os anos 2015 e 2023 persoas particulares lle doaron á Comunidade Autónoma de Galicia para que fosen custodiadas no Museo de Belas Artes da Coruña.
Catálogo que recolle as obras que entre os anos 2015 e 2023 persoas particulares lle doaron á Comunidade Autónoma de Galicia para que fosen custodiadas no Museo de Belas Artes da Coruña.
Número quince da revista científica Ad Limina, de carácter interdisciplinar e internacional, multilingüe, de investigación sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións. Nesta ocasión trátase dun número monográfico especial dedicado á "Peregrinación nun mundo globalizado: investigación interdisciplinar e implicacións sociais".
Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos ofrece un percorrido polo traballo da artista ao longo de trinta anos de carreira, resitúa a súa traxectoria e desvela unha artista inédita cuxa versatilidade queda patente nunha serie de procesos paralelos que inclúen prácticas fotográficas, bordados, pezas cerámicas ou libros obxecto. Almudena Fernández Fariña (Vigo, Pontevedra, 1970) é artista e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo). A súa obra está representada en coleccións públicas e privadas. O seu traballo artístico foi recoñecido con numerosos premios e bolsas entre os que destacan o Premio de pintura L’Oréal (2000); a bolsa Novos Valores (1994) ou a bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2001).
Unha Vida Viquinga que presenta ao público unha visión actualizada, baseada na investigación, do desenvolvemento da vida nesta etapa histórica.
O catálogo reflicte a vida na era viquinga nas catro etapas da vida: infancia, mocidade, madurez e morte, desde unha perspectiva inclusiva e matizada do tema. Facendo fincapé nos aspectos diaspóricos do mundo viquingo, destacando o contacto nórdico en lugares de todo o hemisferio norte.
Pontevedra no tempo é unha celebración do fenómeno urbano en Galicia e a súa contribución á configuración da identidade local e galega, centrada na cidade de Pontevedra. O enfoque expositivo parte da memoria do visitante para deconstruír o espazo urbano e comprender as claves do seu cambio, relacionando as transformacións da cidade coas lembranzas locais. A mostra entende a cidade como un sistema cultural que constrúe parte da identidade dos seus habitantes e explorará esa rede de símbolos, palabras e relatos compartidos que son tamén herdeiros do tempo.
Raniero Fernández (Vigo, 1909-1999) realiza, durante as décadas cincuenta e sesenta do século pasado, unha interesante obra fotográfica que, co paso do tempo, adquiriu gran relevancia. A súa actividade como fotógrafo está estreitamente vinculada coa que desenvolveu como presidente da Agrupación Fotográfica Gallega durante o período en que esta estivo máis activa. Lonxe da estética do pictorialismo tardío que caracteriza a fotografía afeccionada dese momento, moitas das súas imaxes lémbrannos o traballo de figuras como Cartier-Bresson e a Doisneau; dun xeito moi particular, a extensa serie que realizou no porto de Vigo. Por outra banda, cabe resaltar os proxectos consistentes en fotografar de xeito sistemático os hórreos e os cruceiros a través da xeografía galega. Todo isto explica a pertinencia de revisar a obra de Raniero desde unha óptica actual pero contextualizándoa na súa época, para o que se incluirán na exposición obras doutros fotógrafos como Ferrol, Losada, Rueda, Schmidt de las Heras, Terré, Veiga Roel e Zamora.
En 1952, André Malraux publicaba Le Musée imaginaire de la sculpture mondiale, un texto capital no cal prefiguraba unha nova forma de concibir a historia da arte como disciplina aberta en que a historia dos estilos se desdebuxa en favor dun entendemento cruzado, co que se abre lugar ás conexións indebidas, múltiples e baseadas nos afectos e nas subxectividades. O museo imaxinario de Malraux achegábase en espírito aos procedentes do museo moderno, situándose preto dos gabinetes de curiosidades e das cámaras de marabillas en que os burgueses e nobres do renacemento continuaban a tradición medieval e coleccionaban todo tipo de obxectos estraños xunto a obras de arte.
A exposición Wunderkammer de Suso Fandiño insírese nesta tradición e, ao xeito dunha cámara de marabillas, debuxa unha serie de percorridos e enlaces pouco habituais, deseñando un espazo museístico en que as obras conectan entre si creando relacións punzantes. Esta publicación pretende activar no lector a necesidade de buscar significados ocultos reflexionando de xeito lúdico sobre cuestións como a morte do autor, a futilidade do discurso hexemónico na historiografía artística, o papel do espectador na arte, o xogo político de fronteiras, a mercadotecnia ideolóxica, a oposición entre a baixa e a alta cultura ou a análise da linguaxe como sistema de configuración do pensamento.
Orixinal premiado polo xurado do III Premio CGAC de investigación e ensaio en 2020, Memoria do azul: a afección monocroma do contemporáneo é unha persoal reflexión sobre a presenza e o significado desta cor na arte contemporánea. A partir de diversos exemplos, a autora do texto, Laura Calvo Gens, reflexiona acerca dos valores e significados asociados a esta gama cromática recorrendo a exemplos diversos que van desde o pigmento azul de Yves Klein até as implicacións políticas dunha obra emblemática como Blue (1993), de Derek Jarman.
Catálogo da exposición temporal co mesmo título.
Con textos de Natalia Poncela, comisaria da exposición, Santiago Olmo e Isabel Carlos, Nalgures é o catálogo da mostra individual da artista autraliana Narelle Jubelin (Sydney, 1960), que tivo lugar no CGAC en 2022.
Nalgures detense nas memorias dos lugares e nos distintos modos en que estes son ocupados, recorre a referentes culturais concretos dentro do contexto galego e vincúlaos con outras cartografías e referencias da biografía e traxectoria artística de Jubelin.
A través de pezas procedentes de diferentes series da artista, o libro propón un repertorio de discursos posibles que, ao xeito de agrupamentos de obras ou quendas, nos permiten tecer unha rede de intereses e afectos, por veces íntimos e, outras veces, non tanto.
Ao longo de medio milenio as casas reais católicas europeas doaron recursos materiais e financeiros, así como suntuosas pezas de arte sacra á Basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén; tendo como eixo central estas doazóns, o catálogo da mostra Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa amosa o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico custodiado polo Museo de Terra Santa de Xerusalén, composto das doazóns das casas reais católicas europeas ao longo de 500 anos
O menor: Procesos a-significantes na arte contemporánea foi a obra premiada na cuarta edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea. O texto, a partir dunha serie de exemplos tomados das artes visuais, a música, a literatura ou a filosofía, explora o valor do menor, da intervención mínima e mesmo da non-intervención na arte contemporánea.